Noticias e alertas

O Circo de Pinocho chega este Nadal a Tomiño cun espectáculo cheo de fantasía

25/10/2024

Educateatro Producións ofrecerá do 6 ao 8 de decembro na Avenida de Gondomar unha experiencia na que combina teatro musical cos números máis clásicos do circo 


Contará cunha sesión para rapazada con trastornos do espectro autista con redución de ruído e luces acendidas


Entradas xa a venda en liña



O Nadal arrancará en Tomiño cunha boa dose de maxia, fantasía e ilusión. Por primeira vez, o Concello acolle o Circo de Pinocho, un espectáculo dirixido por Educateatro Producións que desembarcará en decembro no municipio para ofrecer ao público a oportunidade de gozar dun espectáculo único que mestura o mellor do teatro musical cos números circenses de sempre sen ter que desprazarse fóra de Tomiño.


Do 6 ao 8 de decembro, Tomiño acollerá catro sesións deste espectáculo nunha carpa climatizada na Avenida de Gondomar para que o público poida gozar da experiencia con todo o confort necesario. Para facer esta actividade o máis inclusiva posible, o Circo de Pinocho contará o domingo 8 ás 12 h cunha función con maior presenza lumínica e con redución de ruído para falcilitar que as persoas con hipersensibilidade auditiva ou calquera outro trastorno que produza problemas sensoriais poidan desfrutar tamén do espectáculo.


As funcións serán o venres 6 ás 18.30 horas, o sábado 7 ás 17.00 h e o domingo 8 haberá sesión dobre con funcións ás 12.00 e ás 17.00 horas.


A alcaldesa, Sandra González, subliña a importancia de traer este tipo de actividades ao concello para o desfrute da veciñanza. “O circo é unha das formas máis antigas de arte e diversión, e contar con espectáculos de calidade como este é un verdadeiro privilexio para Tomiño. Queremos que todos os veciños e veciñas, cativada e maiores, teñan a oportunidade de vivir a maxia do circo e aprender a través da cultura”, sinala.


O Circo de Pinocho conquistará ao público coa historia de Pinocho, que tras ser convertido nun neno de verdade pola Fada Mimadriña cumpre o seu soño de montar un circo. Xunto a personaxes entrañables como Geppeto, convertido a pallaso, ou Pepiño Griño, o mestre de cerimonias, o público será testemuña dun espectáculo con trapecistas, acróbatas, malabaristas e equilibristas. Pero a historia dá un xiro inesperado cando un feitizo fai que Pinocho volva ser de madeira e a Fada Mimadriña desapareza tras ser raptada pola malvada Chinche Chinchón.


Un espectáculo para todos os públicos perfecto para desfrutar en familia dunha montaxe que mestura diversión, aprendizaxe e cultura. As entradas xa están á venda en liña e tamén estarán dispoñibles unha hora antes de cada función no hall do circo. Ademais, o espectáculo contará con prezos especiais o venres 6 de decembro, Día do Espectador, con entradas a 10€ máis gastos de xestión, e o domingo 8 na sesión matinal das 12.00 horas, cun desconto de 3€ en cada entrada. 


The post O Circo de Pinocho chega este Nadal a Tomiño cun espectáculo cheo de fantasía appeared first on Concello de Tomiño.


Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies