Noticias e alertas

O Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago inicia a súa viaxe con identidade propia

24/10/2024

Representantes dos sete concellos de Galicia e Norte de Portugal polos que pasa a variante presentaron a imaxe que acompañará á recuperación e posta en valor desta histórica ruta xacobea


 


O Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago comeza unha nova andaina. O Concello de Tomiño liderou un encontro de traballo entre os sete concellos galegos e portugueses polos que pasa a variante para escoller e presentar a nova imaxe que representará esta histórica ruta xacobea. Unha identidade propia deseñada polo artista Fino Lorenzo que supón un paso clave para a recuperación e posta en valor desta variante do Camiño.


“Damos un novo paso para devolverlle vida a un camiño que forma parte da nosa historia e do noso patrimonio, un proxecto estratéxico de posta en valor do Camiño da Nosa Señora do Norte no que seguimos traballando xuntas e xuntos para conseguir o seu recoñecemento oficial”, destacou a alcaldesa, Sandra González. A rexedora fixo fincapé en que “esta nova imaxe non é só un símbolo, senón que se transforma nunha ponte transfronteiriza entre o pasado e o futuro en todos os concellos que fomos historicamente fogar de peregrinas e peregrinos”.


A nova imaxe do Camiño da Nosa Señora do Norte busca integrarse na rede xeral do Camiño de Santiago, con cores e formatos que respectan a identidade xacobea pero con personalidade propia. Os representantes dos sete concellos galegos e portugueses elixiron entre as dúas propostas presentadas polo autor, deseños que, mantendo o equilibrio coas demais variantes, resaltan a singularidade desta ruta que une Galicia e Portugal. “A nosa meta é facer que o Camiño da Nosa Señora do Norte sexa recoñecido non só pola súa beleza, senón tamén pola súa relevancia histórica. E coa nova imaxe achegámonos un paso máis a ese obxectivo”, recalcou a alcaldesa de Tomiño.


Dende a investigación histórica iniciada polo arquitecto Antonio Soliño no ano 2022 ata a publicación do libro que documenta o paso de peregrinas e peregrinos por este tramo do camiño dende o ano 1295, a recuperación deste itinerario medieval de 200 km segue gañando impulso. No ano 2023, os sete concellos galegos e lusos polos que pasa o Camiño da Nosa Señora do Norte (Tomiño, Gondomar, Redondela, Vila Nova de Cerveira, Póvoa de Varzim, Viana de Castelo e Caminha) uníronse baixo a ‘Declaración da Vila da Barca’, comprometéndose a poner en valor esta ruta que combina riqueza natural, patrimonial e cultural.


Dende entón concellos e cámaras municipais levaron a cabo diferentes acción e actividades para difundir esta variante, como as andainas realizadas durante o mes de outubro en Tomiño para dar a coñecer entre os veciños e veciñas o tramo que pasa polo municipio e poñelo en valor. Nos vindeiros meses, os sete concellos continuarán coas actividade de divulgación e promoción do Camiño da Nosa Señora do Norte coa nova imaxe como eixo común.


The post O Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago inicia a súa viaxe con identidade propia appeared first on Concello de Tomiño.


Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies