22/10/2024
O xurado visitou o municipio para avaliar os avances medioambientais, paisaxísticos e de recuperación do espazo público realizados no último ano
Tomiño cultiva espazos para o futuro. O Concello reafirma o seu compromiso co medio ambiente e a mellora da calidade de vida da súa veciñanza traballando de forma decidida para revalidar o seu recoñecemento no programa Vilas en Flor de Galicia, unha iniciativa organizada pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) que procura a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos de menos de 50.000 habitantes.
Tras revalidar o ano pasado as catro flores de honra e converterse nun dos tres únicos concellos galegos en obter esta distinción, Tomiño recibiu a visita dos membros do xurado deste certame, que desfrutou dunha xornada no municipio para coñecer os últimos avances en materia medioambiental e paisaxística e achegarse de primeira man a algúns dos proxectos levados a cabo nos últimos meses.
A visita comezou cunha reunión no salón de plenos, onde foron recibidos pola concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro; polo concelleiro de Obras, Alexandre Pérez; pola asesora paisaxista Sinda Davila; e pola técnica de Medio Ambiente, Andrea Fernández, que lles presentaron as últimas intervencións destacadas que fan de Tomiño un referente no coidado da súa contorna.
Logo, guiaron ao xurado para comprobar in situ distintas actuacións polas rúas do Seixo, o Campo da Feira e a variante do Baixo Miño, cunha parada especial na última intervención do proxecto ‘Cultivando Paisaxes’, co que o Concello continúa a transformar o espazo público nun grande escaparate do viveirismo, sector moi relevante no municipio. Constitúe un novo espazo axardinado que vén de crearse no Camiño Novo, unha intervención deseñada e dirixida pola propia Sinda Davila que contará con plantas e árbores doados por Veraleza e na que se poderá desfrutar dunha escultura de Xuxo Vázquez.
Entre os proxectos que se presentaron, Tomiño tamén subliñou o recoñecemento do conxunto de sobreiras de San Roque; o novo proxecto de eliminación de invasoras en Rede Natura 2000, que introduce ovellas como aliadas para frear os agromos; e o programa ‘Rodéate de vida’, que con tres edicións permitiu ao Concello entregar máis de 2.600 árbores para encher os montes de vida autóctona para repoboar 900 hectáreas de franxas secundarias.
Tamén se comentou a importancia da colaboración entre Concello e asociacións. Por un lado, coa Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam), coa Mostra de Cultivos renovada nun formato ao aire libre para celebrar a cita máis importante do sector do viveirismo en Galicia e, por outro, coa Asociación Naturalista do Baixo Miño (Anabam) para contribuír á conservación de insectos polinizadores coa desbroza selectiva de parcelas. Froito destas colaboracións elixiuse o tema da Semana do Medio Ambiente deste ano, cunha homenaxe á biodiversidade con actividades para todas as idades ao abeiro do programa ‘Tomiño Natural’.
En canto ás intervencións recentes realizadas en espazos públicos destacaron a transformación da Praza de Estás, que permite mellorar e reverdecer este espazo de prioridade peonil, ou a Senda de Forcadela, unha nova senda peonil da que xa pode desfrutar a veciñanza e que conecta a Casa dos Mestres co CRA Mestre Manuel Garcés.
Tras a visita, o xurado valorou moi positivamente a transformación dos núcleos urbanos e dos espazos centrais das parroquias, a aposta firme do Concello por un novo modelo de xestión dos residuos coa compostaxe como eixo, así como a colaboración co sector viveirista local e a evolución do municipio e a capacidade de traballo amosada ano tras ano emprendendo iniciativas innovadoras para seguir renovando o recoñecemento do Vilas en Flor.
The post Tomiño segue apostando pola plantación de diversidade para revalidar o seu recoñecemento no certame ‘Vilas en Flor’ appeared first on Concello de Tomiño.
Cerrar [X]Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies