19/10/2024
O foro contou coa presenza de 15 mulleres que visibilizaron a súa realidade nos 14 concellos do territorio
O rural ten rostro, voz e liderado de muller. Nomes propios que co seu traballo, valentía e tesón convértense nun verdadeiro revulsivo que o rural precisa para seguir medrando. A todas elas réndese homenaxe no Foro da Muller Rural Galega, un lugar de encontro posto en marcha por Galicia Suroeste para visibilizar as realidades de todas esas mulleres que apostaron por formar parte do rural traballando, vivindo e transformando o territorio.
Unhas xornadas que chegan á súa cuarta edición con éxito de participación e con 15 novas protagonistas exemplo de emprendemento, loita e resiliencia que representan as realidades diversas que enchen de vida o rural galego. A presidenta de EuRural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, lembrou “o importante que é a implicación de todos e todas para que o rural avance. Hoxe poñemos o foco no importante papel que xogamos as mulleres e reivindicamos o apoiarnos, esteamos onde esteamos, especialmente en ámbitos tan difíciles como o rural. Hoxe visibilizamos as realidades de mulleres valentes, loitadoras, que apostaron polo noso territorio e que axudaron a facer do noso rural un lugar mellor”.
Co gallo do Día Internacional das Mulleres Rurais que se celebra o 15 de outubro, a Casona da Torre de Redondela converteuse no escenario no que visibilizar ás verdadeiras impulsoras da economía rural. Máis de 8 millóns de mulleres en España que viven e traballan en zonas rurais na agricultura, na gandaría e na transformación agroalimentaria, pero tamén na outra cara do rural: como directivas, na artesanía, no mar, no turismo, na industria, nos servizos, na educación, no comercio e en moitos outros sectores imprescindibles para o desenvolvemento do territorio.
O evento contou coa presenza da deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos; así como de alcaldesas, alcaldes, concelleiros e concelleiras dos 14 concellos do territorio de Galicia Suroeste.
Nesta edición, María Dolores Filgueiras Grela foi a representante de Tomiño no IV Foro da Muller Rural. Docente de vocación e pedagoga incansable, é referente para moitas xeracións de tomiñeses e tomiñesas que pasaron polas escolas unitarias tomiñesas. Con ela, Tomiño rende homenaxe a todas as mestras, especialmente as rurais, que cada día fan un labor imprescindible, e á labor insustituible do CRA Mestre Manuel Garcés.
Nesta edición, o foro deu a coñecer ademais as realidades de outras 13 mulleres que visibilizan unha vez máis que o rural ofrece moito máis que o sector primario. Así, nesta cuarta edición, compartiron as súas experiencias María del Carmen Martínez, do comercio María Rosa (A Guarda); Loreto Valenzuela, de Academia Royal Celtic Bay (Baiona); Purita Caeiro, de Alimentación Caeiro (Gondomar); Lucrecia García, de Kiriko Aventura (Fornelos de Montes); Lara Pereira, da tenda de hípica Equipemos (Mos); Puri Leyenda, peixeira de Nigrán; Cristina Salgado, do Albergue da Estrela en Oia; Celia Diz, da Farmacia Diz Peralba no Porriño; Silvia Diego, condutora de autobús do Rosal; Liliana Vázquez, de ‘La Renovadora Espazo Gastronómico’ (Pazos de Borbén); Nisi Otero, mariscadora de Redondela; Carmen Álvarez, precursora da vida cultural e asociativa en Soutomaior, e Luz Ruibal, xerente da Sociedade Electricista de Tui.
EuRural recolleu a experiencia de todas estas mulleres e dos seus proxectos de vida no rural en pezas audiovisuais que xa están dispoñibles na páxina web da entidade.
Encarnación Sotelino, unha vida no mar
Como é habitual, o foro reservou un espazo especial para o recoñecemento de mulleres que foron, son e serán pezas fundamentais no desenvolvemento do territorio. Este ano a homenaxe foi para a redondelá Encarnación Sotelino, memoria viva do duro traballo no mar e exemplo do legado feminino que constrúe e sostén as comunidades costeiras.
Dende meniña baixaba coa súa nai á marea e aprendeu “un oficio duro” pero do que aínda hoxe, xubilada dende hai anos, está namorada. Un traballo ao que moitas mulleres chegaban para buscar un sustento co que colaborar na casa en tempos difíciles e no que Encarnación lembra “que houbo que loitar moito” para ter un seguro que garantira o futuro cando se retiraban.
Un oficio no que comezou “nunha época na que nin botas había, cantas veces chorei co frío. Non sabiamos nadar, nin bogar cando tiñamos que coller a gamela para ir a Arcade, pero aprendiamos o que fixera falta. Con vento, con chuvia… aguantabamos todo e esperabamos o bo tempo no mar, porque senón xa non saías da casa”. Toda unha vida de traballo duro na marea dos que Encarnación fala orgullosa: “Eu non sería capaz de vivir sen mar. Imposible!”.
The post María Dolores Filgueiras Grela, representante de Tomiño no IV Foro da Muller Rural Galega appeared first on Concello de Tomiño.
Cerrar [X]Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies