Noticias e alertas

Tomiño acende o proxector cun programa piloto de cine de balde para público familiar e xuvenil

15/10/2024

O auditorio municipal de Goián transformarase nun gran cinema con flocos de millo gratis para todo o público asistente


A primeira sesión será este domingo 20 ás 17.30 h coa proxección de ‘Elemental’ para público familiar



A maxia do cine prende en Tomiño. O Concello converterá este outono o auditorio municipal de Goián nun gran cinema cun programa piloto que buscará achegar o sétimo arte á veciñanza de forma gratuíta e accesible.


Un proxecto pioneiro dirixido especialmente a público familiar e xuvenil que xorde dunha suxestión realizada polo Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, Voces Novas, “froito da escoita activa que fai o Concello e do impulso da participación da mocidade en todos os aspectos da vida municipal”, como salienta a alcaldesa, Sandra González.


Tras a grande acollida que ten cada no o cine de verán, este novo programa é unha ferramenta que “permite facer máis accesible o cinema e a cultura, xa que dende o Goberno municipal entendemos que os desprazamentos ata cidades próximas pode resultar unha carga económica importante para as familias. Queremos que todos os nenos, nenas e adolescentes tomiñeses poidan desfrutar sen exclusión do cine”.


A rexedora quere agradecer a implicación da rapazada integrante de Voces Novas, fundamental para seguir construíndo un Tomiño máis accesible para todas e todos. “É emocionante ver como a mocidade toma a iniciativa e impulsa cambios. Este programa piloto é un fiel reflexo do poder da participación cidadá e de como as novas xeracións poden influír no futuro do noso concello”, recalca.


O ciclo comezará este domingo 20 de outubro ás 17.30 horas coa proxección de ‘Elemental’, dirixida a público familiar. Con entrada gratuíta, para que o público se mergulle no tradicional ambiente do cine repartiranse flocos de millo de balde entre todas as persoas asistentes.


Coa previsión dunha grande acollida por parte da veciñanza, o Concello prevé sumar o ciclo de cine ao teatro nas próximas programacións culturais e de lecer de Tomiño.


The post Tomiño acende o proxector cun programa piloto de cine de balde para público familiar e xuvenil appeared first on Concello de Tomiño.


Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies