02/10/2024
Tomiño amosou unha vez máis o seu compromiso coa natureza, a contorna e o medio ambiente. Persoas voluntarias e escolares sumáronse nos últimos días á unha nova edición da limpeza simultánea de ríos impulsada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), unha xornada levada a cabo ao abeiro do Proxecto Ríos a través da que as persoas voluntarias colaboran na retirada de lixo ao tempo que se conciencia sobre a necesidade de manter limpos de residuos os cursos fluviais para garantir a súa saúde.
Nesta ocasión Tomiño retirou case 85 quilos de residuos dos ríos do concello. “Cada acción suma e a colaboración cidadá é fundamental para conservar a nosa contorna natural”, destaca a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, que fixo un chamamento a toda a veciñanza a achegar o seu gran de area e contribuír a manter limpa a contorna día a día. “Lamentablemente, temos que dicir que estes 85 quilos foron retirados nuns tramos pequenos, o que quere dicir que queda moito por facer”, afirma a edil.
O domingo 29, un grupo de voluntarias e voluntarios percorreron o río Pego, de onde retiraron ata 26,7 quilos de lixo. Xa o luns foi a quenda das brigadas de limpeza creadas nos centros escolares tomiñeses: así, o alumnado do CEIP de Tebra fixo un gran traballo no río Cereixo, onde reuniron 26,2 quilos de residuos, mentres que os escolares do CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián xuntaron 30,9 quilos de lixo do regato Cerradas. Entre os materiais retirados destacan cristais, latas, plásticos, envases e envoltorios variados ou unha gran cantidade de cabichas.
Para a concelleira “é alentador ver a tantos rapaces e rapazas comprometidos coa protección do medio ambiente e como se sorprenden ao ver as cousas que a xente tira ao ambiente sen pudor. Elas e eles son os mellores aliados para crear conciencia nas persoas adultas, porque o presente e o futuro da nosa Terra está nas súas mans”. Dende o Concello anímase a toda a veciñanza a seguir participando en actividades que promovan a sostibilidade da contorna e a realizar pequenas accións coas que se conseguirán grandes cambios.
The post O compromiso ambiental de Tomiño recolle 85 quilos de lixo da contorna dos ríos appeared first on Concello de Tomiño.
Cerrar [X]Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies