Noticias e alertas

Tomiño descubre o Camiño da Nosa Señora do Norte á veciñanza este outubro

27/09/2024


Tomiño quere descubrir o Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago á veciñanza. Ao abeiro do traballo realizado para a oficialización desta histórica variante, o Concello organizará este outubro tres andainas coas que percorrer tres tramos diferentes deste camiño ao seu paso polo municipio.


“Continuamos traballando para oficializar unha ruta histórica que conecta a nosa vila con outros municipios galegos e portugueses. Esta variante reforzará os lazos transfronteirizos e atraerá un turismo de gran valor patrimonial e natural, o que será un impulso tanto económico como cultural para Tomiño. E andainas como estas permitirán ir dando a coñecer esta senda de peregrinaxe”, salientou a alcaldesa, Sandra González.


As persoas interesadas en participar poderán coñecer o tramo do Camiño da Nosa Señora do Norte ao seu paso por Tomiño en tres etapas. O domingo 6 de outubro realizarase o percorrido dende o Espazo Fortaleza ata a ponte do Pego, con saída ás 10.00 horas dende o aparcadoiro do Espazo Fortaleza. O domingo 13 de outubro sairase ás 10.00 horas dende a igrexa de Tomiño para coñecer o tramo entre Ponte do Pego e Vilameán. A ruta rematará o domingo 20 de outubro saíndo ás 10.00 h dende o torreiro de Vilameán para acabar no Alto do Padrón. A actividade, apta para todos os públicos, será de balde e contará con servizo de transporte gratuíto para regresar dende o fin do tramo ata o punto de encontro.


O concelleiro de Lecer, Agustín González, explica que “estas andainas non só permitirán dar a coñecer e promocionar esta variante do Camiño de Santiago, senón que tamén consolidarán a nosa identidade transfronteiriza e histórica e atraerá a un turismo que busca experiencias diferentes”. Con prazas limitadas, as persoas interesadas en participar poden xa inscribirse nos diferentes tramos a través dun formulario habilitado na web municipal.


O proxecto de recoñecemento e posta en valor desta variante comezou hai máis de dous anos cun traballo iniciado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño cunha investigación histórica realizada polo arquitecto e investigador Antonio Soliño, membro do Instituto de Estudos Miñoranos, que documenta o paso de peregrinas e peregrinos por Tomiño cara a Santiago dende polo menos o ano 1295, investigación que está recollida no libro ‘O Camiño (da Nosa Señora) do Norte a Santiago’. O propio Antonio Soliño participará nas rutas e guiará a todas e todos os participantes pola historia do camiño, desentrañando todos os símbolos que se atopan ao longo de todo o percorrido.


The post Tomiño descubre o Camiño da Nosa Señora do Norte á veciñanza este outubro appeared first on Concello de Tomiño.


Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies