25/09/2024
Tomiño volver ser unha das paradas do autobús do teatro do Centro Dramático Galego (CDG). Ao abeiro do seu Programa de Mobilidade, o vindeiro 10 de outubro o CDG trae de novo ao municipio tomiñés un servizo de transporte público de balde co que busca achegar a súa produción cultural e teatral ao público e á veciñanza de toda Galicia.
O Concello forma parte de novo desta iniciativa que permitirá achegar a tomiñeses e tomiñesas ata o Salón Teatro de Santiago de Compostela e desfrutar da representación de ‘Terceiro acto’, unha produción do CDG dirixida por Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez que convida a reflexionar sobre a última etapa da vida e reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual.
A cita será o xoves 10 de outubro, data na que o autobús do teatro parará na rotoda da Avenida República Arxentina para saír ás 15.30 horas cara a Santiago para ver a función, que comezará ás 18.00 horas e regresar de novo a Tomiño ás 20.30 horas. O programa inclúe o desprazamento de ida e volta gratuíto e un desconto para asistir ao espectáculo, que contará con entradas a 5 euros.
Con este programa, o Centro Dramático Galego reformula o formato tradicional dunha xira, superando os límites xeográficos e achegando ao público a unha localización estratéxica como alternativa a desprazar a produción ao completo. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca a relevancia de iniciativas como esta para achegar a cultura a todos os públicos, “dun xeito asequible sen importar onde viva. O teatro é unha ferramenta fundamental para a reflexión e o crecemento persoal e programas como o do CDG permiten á nosa veciñanza un acceso directo a espectáculos de gran calidade dunha forma doada, fortalecendo o tecido teatral e cultural galego”.
As persoas interesadas poderán solicitar máis información no teléfono 986 622 001 e inscribirse a través da web municipal.
The post Tomiño súbese de novo ao autobús do teatro appeared first on Concello de Tomiño.
Cerrar [X]Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies