Noticias e alertas

O legado artístico de Mario Rodríguez enriquece o patrimonio cultural de Tomiño

25/09/2024

A historia, a arte e a cultura de Tomiño gañan un novo tesouro. O Concello ven de asinar o convenio para a doazón permanente da obra ‘Paisaxe de Forcadela’ e a cesión temporal doutras nove pezas emblemáticas de Mario Rodríguez, un acordo que marca un fito na conservación e difusión da obra do pintor tomiñés e que permitirá que a veciñanza teña a oportunidade de contemplar parte do legado dun dos artistas máis representativos da memoria histórica e cultural tomiñesa.


“A arte de Mario Rodríguez é unha ponte entre o pasado e o presente, unha testemuña viva da nosa historia e da nosa identidade. Contar coas súas obras no Concello é un orgullo inmenso e un recoñecemento ao traballo dun home que viviu en primeira persoa os momentos máis duros da historia sen deixar de ser un faro de creatividade”, salienta a alcaldesa, Sandra González. A rexedora asinou estes días o convenio de colaboración con Rubén Muñoz Alonso como presentantes de María Luisa Fernández Rodríguez, propietaria das obras.


A través deste acordo, o lenzo ‘Paisaxe de Forcadela’, un óleo sobre lenzo de 65×96 centímetros pintado en 1986, pasa a formar parte do patrimonio cultural tomiñés de maneira permanente. Xunto a esta peza, o Concello recibe a cesión por un período de cinco anos doutras nove pezas que reflicten diferentes etapas e temáticas da traxectoria de Mario Rodríguez: ‘Pintor traballando (Mario)’, de 1977; ‘Santuario de San Campio (Figueiró)’ e ‘Concelleiros mallando na oposición’, de 1979; ‘Xirasoles II’, de 1989; ‘Eido da miña avoa’, de 1991; ‘Homenaxe a Vincent Van Gogh’, de 1997; ‘Outeiro de Figueiró’, de 1998; ‘Portada libro Periferias de Carlos Quiroga’, de 1999; e, o máis recente, ‘O meu soño’, pintado en 2005.


Con este convenio, impulsado en pleno polo grupo municipal do PSdeG-PSOE, o Concello sufragará os gastos de restauración e conservación destas obras, garantindo o seu coidado e traballando para que poidan ser desfrutadas pola veciñanza en exposicións ou actividades culturais. “Estas pezas enriquecen o noso patrimonio artístico e ofrecen unha oportunidade única para achegar a figura de Mario Rodríguez ás novas xeracións, consolidando a súa pegada na nosa cultura”, resalta a alcaldesa.


Mario Rodríguez, nado en Figueiró en 1931, foi un personaxe senlleiro de Tomiño homenaxeado hai anos no acto cívico das Festas do Alivio en recoñecemento ás súas achegas á cultura e memoria histórica de Galicia. Todo un referente no mundo da arte, a súa vida estivo marcada pola represión do réxime franquista tras o golpe militar de 1936 e o seu exilio a Bos Aires, onde foi acollido pola intelectualidade galega. Mario Rodríguez púxose diante de pinceis e lenzos ata o final da súa vida no seu estudo de Figueiró e a súa obra está representada en museos, galerías e coleccións particulares de países como Brasil, México, Venezuela, Arxentina, Inglaterra, Francia, Alemaña, España ou Portugal.


Con esta cesión e doazón, o Concello reafirma o seu compromiso coa preservación da cultura, da historia e do legado tomiñés, ao tempo que honra a figura dun artista senlleiro que deixou unha pegada imborrable na arte galega.


The post O legado artístico de Mario Rodríguez enriquece o patrimonio cultural de Tomiño appeared first on Concello de Tomiño.


Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies