Noticias e alertas

Tomiño e O Rosal lanzan ‘O noso patrimonio’, un obradoiro de emprego centrado no potencial etnográfico dos municipios

23/09/2024



 As persoas interesadas en participar deberán estar inscritas na Oficina do Servizo de Emprego de Tui




 




Historia e patrimonio camiñan da man para dar novas oportunidades laborais. O Concello do Rosal e de Tomiño, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal, poñen en marcha ‘O noso patrimonio – Obradoiro de Emprego Roteiros etnográficos O Rosal – Tomiño’, un proxecto que formará a 20 persoas desempregadas en traballos relacionados coa recuperación patrimonial a través da carpintaría e da albanelería.




A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e a de Tomiño, Sandra González, destacan que se trata “dunha iniciativa que combina formación e traballo práctico para crear oportunidades laborais no rural arredor da nosa riqueza patrimonial, bens que debemos coidar e restaurar. Este obradoiro de emprego permite a través dunha formación totalmente gratuíta xerar novas oportunidades, mellorando as habilidades da nosa veciñanza para acceder ao mercado laboral”.




Durante 9 meses, 20 persoas desempregadas mellorarán a súa cualificación no ámbito da albanelería ou da carpintaría de madeira titorizadas por persoal especializado nun curso que será remunerado para todas e todos os participantes. Así, en total 12 persoas poderán realizar un curso teórico práctico de máis de 1.200 horas no sector da albanelería, mentres que outras 8 persoas recibirán outras tantas horas de formación en diferentes aspectos da carpintaría.




As sesións formativas comezarán o 2 de decembro no centro de formación da Mata, no Rosal, mentres que as prácticas se desenvolverán en diferentes lugares de interese patrimonial dos dous municipios. Así, levaranse a cabo actuacións nos muíños do Folón e do Picón e no Camiño de San Vicente, Cruz da Portela e Portecelo no Rosal, mentres que en Tomiño centraranse en diferentes elementos patrimoniais situados en Goián, como o muíño da Regueira, o lavadoiro do Marco, o muíño e fonte do Pedro, o lavadoiro do Regatiño ou o cruceiro da Soidade.




As persoas interesadas en participar deberán estar inscritas como demandantes de emprego na Oficina do Servizo de Emprego de Tui na Especialidade EOCB0109 Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e na Especialidade MAMD0209 traballos de carpintería e moble. Non é preciso experiencia previa no sector e será o Servizo de Emprego o encargado de facilitar aos concellos unha primeira selección das persoas participantes.




As rexedoras animan á veciñanza a participar nun programa que ofrecerá información, orientación e asesoramento “buscando non só a inserción laboral da nosa veciñanza, senón tamén conservar o gran patrimonio etnográfico que temos nos nosos concellos e convertelo nunha oportunidade de traballo e de futuro. Ademais de aprender un oficio, as e os participantes estarán contribuíndo a preservar o noso legado, e iso é unha forma única de transformar vidas e espazos”.



The post Tomiño e O Rosal lanzan ‘O noso patrimonio’, un obradoiro de emprego centrado no potencial etnográfico dos municipios appeared first on Concello de Tomiño.


Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies