18/09/2024
Concello e Migrarte colaboraron para esta estancia do artista
Tomiño mantén a súa firme aposta pola arte. O Concello acolle estes días por primeira vez ao artista internacional Marion Ve, un muralista colombiano recoñecido polas súas vibrantes creacións caligráficas que chegou ao municipio para deixar a súa pegada nun mural cheo de cor, enerxía e mensaxes inspiradoras na Avenida de República Arxentina.
O antigo edificio do Palomar, xa na confluencia coa Praza do Seixo, será o lenzo da nova obra deste muralista que está de tour artístico por España realizando intercambios culturais que o levará a Valencia ou Barcelona e que decidiu recalar en Tomiño guiado da man da agrupación Migrarte. “Paréceme un sitio máxico, con espazos moi fermosos, por iso para min é moi emocionante pintar aquí e compartir a miña arte con toda a veciñanza”, explica.
Unha interacción que poderá manterse ao longo desta semana, na que Marion Ve estará realizando o seu mural aberto ás preguntas e á charla cos veciños e veciñas, que poderán achegarse ao proceso creativo dun artista cunha traxectoria internacional que xa deixou a súa impronta en países como México ou Alemana. A súa obras, que levará o lema en galego ‘Sorrí, comparte a túa mellor enerxía’, é unha mostra do seu estilo único, que mestura ilustración, caligrafía e lettering.
O seu obxectivo “é transmitir boa enerxía, facer que a xente sorría. Para min sorrir non é só a expresión da boca, é conectar cunha idea ou cun recordo que nos faga feliz. Cada persoa ten unha razón diferente para sorrir, só quero axudar a que cada quen atope a súa”, explica o autor.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca a importancia desta colaboración co artista colombiano a través da plataforma de intercambio de artistas Migrarte. “Para nós é un orgullo contar coa estancia de Marion Ve na nosa vila, un artista que co seu mural non só embelecerá as nosas rúas, senón que dará luz, cor e unha nova vida a unha medianeira. Tomiño é terra de artistas, e seguiremos apostando pola arte, tamén urbana, traballando para converter Tomiño nun espazo onde a cultura e a creatividade se respiren a cada paso”, salientou a rexedora.
A plataforma Migrarte, que facilitou a chegada do artista a Tomiño, destaca a importancia destes intercambios para achegar a arte a novos espazos, diversificando circuítos e levando arte e artistas máis alá das grandes cidades. Agustina Patiño, representante da entidade, anima “a todos e todas as artistas e a todas as institucións e entidades a sumarse a estas iniciativas que enriquecen tanto ás e aos autores como ás comunidades que os acollen”.
Novos murais
Esta nova intervención en Tomiño únese a outros proxectos de arte mural que o Concello leva impulsando nos últimos meses. O máis recente é o mural realizado pola artista guardesa Tamara Baz na rúa de Gondomar, que homenaxea ao viveirismo, á planta e á muller, tan importantes no devir tomiñeses.
Por outra banda, os muros do campo de fútbol de Goián é o lenzo dunha peza significativa do deporte e de Tomiño, facendo fincapé nos valores que transmiten como a igualdade e cunha referencia ao Goián FC, que realiza a súa actividade nestas instalacións. O mural, realizado pola artista Pilar Piñeiro, forma parte do proxecto de mellora destas instalacións tamén a nivel estético, decorando medianeiras e espazos públicos, levando a arte aos veciños e visitantes e facendo de Tomiño un referente cultural.
The post Arte urbana en Tomiño da man do artista internacional Marion Ve appeared first on Concello de Tomiño.
Cerrar [X]Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies