Noticias e alertas

O IES Antón Alonso Ríos, exemplo de saúde e benestar en Tomiño

18/07/2024

O ensino tomiñés é un exemplo a seguir. O IES Antón Alonso Ríos acaba de converterse no único instituto de educación secundaria de Galicia en obter o Selo de Vida Saudable, un distintivo de calidade concedido polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes a aqueles centros que promoven un estilo de vida saudable. Dos 350 centros educativos de toda España que presentaron as súas propostas, o Ministerio concedeu o distintivo a 63.


O instituto tomiñés acadou este recoñecemento polo seu proxecto ‘IES AAR. Saudable e activo’, unha proposta que se impuxo pola súa calidade e que aborda dun xeito integral a saúde dende distintas perspectivas cunha visión interdisciplinar baseándose nas actividades que o centro leva realizando nos últimos anos.


O proxecto contempla catro ámbitos claros de actuación para promover uns hábitos saudables. Por un lado, a saúde e o deporte, área coa que se fomenta un estilo de vida activo a través de iniciativas que afectan aos recreos e ás actividades complementarias e extraescolares. Outra dos eixos da proposta céntrase na educación en nutrición, no que por medio de traballos e iniciativas se fomenta a investigación e o desenvolvemento dunha nutrición equilibrada e saudable, un tema que ocupa un lugar importante no Congreso Científico que organiza o IES Antón Alonso Ríos, un encontro anual que busca mergullar ao alumnado no traballo e no método científico dun xeito directo, ameno e divertido, xerando experiencias motivadoras que fomenten a investigación.


A iniciativa tamén bota unha ollada á saúde emocional e mental, un ámbito no que destaca un proxecto que integra a toda a comunidade educativa denominado ‘Febreiro: mes das emocións’. Ademais, ‘IES AAR’ céntrase na prevención de condutas nocivas e de risco entre o alumnado, así como nas relacións afectivo-sexuais saudables, contando sempre coa colaboración de entidades e asociacións especializadas na intervención en adolescentes e familias.






Como sinalan dende o IES Antón Alonso Ríos, todas estas actividades “funcionan grazas á entrega dun claustro implicado e unha asociación de familias, a ANPA Solleiro, que colabora e apoia moitos destes proxectos fomentando a participación activa de toda a comunidade educativa. A estreita colaboración co Concello de Tomiño e outros organismos locais favorece a creación dunha contorna educativa enriquecedora e inclusiva”.


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, expresou o seu orgullo por este recoñecemento ao IES Antón Alonso Ríos e felicitou ao centro, ao seu equipo docente e directivo, a alumnado e familias pola súa implicación para promover estilos de vida saudables e integradores. “Iniciativas coma esta, exemplo de innovación e compromiso coa saúde, son as que contribúen ao benestar da nosa mocidade e á construción dunha comunidade máis cohesionada. Este distintivo consolida unha vez máis ao IES Antón Alonso Ríos como referente no ámbito educativo”, resaltou.


The post O IES Antón Alonso Ríos, exemplo de saúde e benestar en Tomiño appeared first on Concello de Tomiño.


Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies