Noticias e alertas

Nenas, nenos e mocidade gozan xa do novo parque do Campo da Feira

23/05/2023

Nenos, nenas, mocidade e maiores desfrutan xa estes día do renovado parque do Campo da Feira, un espazo deseñado para promover a convivencia, a estancia e o lecer da veciñanza nunha contorna segura e agradable. Trátase dun gran parque xuvenil pensado para infancia, mocidade e persoas adultas que complementa a área de xogos da Praza da Mina, destinada á cativada de menor idade. A alcaldesa, Sandra González, destaca “a importancia de contar con estes espazos que melloran o benestar e a calidade de vida de tomiñeses e tomiñesas”.


O Campo da Feira conta así cun espazo verde e de descanso no que se realizou unha reordenación do espazo e se colocaron novos elementos de xogo, aumentando enormemente as posibilidades da contorna, ademais de potenciarse os espazos de sobra que achega a vexetación existente para xerar áreas de estancia, reunión e socialización. Ademais, o parque dispón de renovado mobiliario urbano e de novas luminarias, que converten o Campo da Feira nun espazo máis sostible cun nivel de iluminación máis axeitado. A transformación supuxo un investimento de 200.000 euros.


Este parque foi deseñado coa colaboración dos rapaces e rapazas do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, ‘Voces Novas’, que participa na toma de decisións en diferentes eidos da vida municipal. Deste xeito, parte do deseño deste renovado espazo responde ás súas demandas, que estiveron centradas por exemplo no emprego de mobiliario axeitado para a rapazada ou a reorganización da zona de xogos.









A mellora do parque súmase á reforma do propio Campo da Feira e da súa contorna para integralo no espazo público peonil do Seixo, achegándoo ao resto e equipamentos a través da mellora da accesibilidade para peóns. Estes traballos implicaron un investimento de 250.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2020.


“Estamos encantadas e encantados de ver como a rapazada e a mocidade gozan deste novo parque, xa que estes espazos son fundamentais para a convivencia e o desenvolvemento saudable dos nosos mozos e mozas”, explica a rexedora.


The post Nenas, nenos e mocidade gozan xa do novo parque do Campo da Feira appeared first on Concello de Tomiño.


Máis información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies